Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Camariñas aplicará un completo protocolo de seguridade nas súas actividades de verán


Haberá 65 prazas por quenda no Obradoiro de Conciliación e 20 por quenda nas Actividades Náuticas.

O Concello de Camariñas abrirá este mércores, 25 de xuño, o prazo definitivo para anotarse nas súas actividades de verán: os Obradoiros de Conciliación e as Actividades Náuticas. Seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias aplicarase un completo protocolo de seguridade para evitar contaxios por Coronavirus.
As actividades desenvolveranse de luns a venres, de 10 a 13:30 horas, integramente na parroquia de Camariñas, nas diferentes instalacións coas que conta o Concello: as aulas do CEIP O AREAL, o Pavillón Polideportivo Municipal “Víctor Vigo”, o Club Náutico de Camariñas (actividades náuticas)…
Hai programadas catro quendas: do 6 ao 20 de xullo (o 16 non hai clase), do 21 de xullo ao 3 de agosto, do 4 ao 17 de agosto e do 18 ao 31 de agosto.
O prazo para anotarse remata o 30 de xuño e hai dispoñibles 65 prazas por quenda no Obradoiro de Conciliación e 20 por quenda nas Actividades Náuticas. Para formalizar a inscrición o interesado ou interesada pode facelo por sede electrónica ou presencialmente, cubrindo o formulario e asinando a admisión de risco e exención de responsabilidade en relación coa COVID-19.
Toda a información pode atoparse na web municipal www.camarinas.net. No caso de facelo de xeito presencial, e para evitar aglomeracións, será imprescindible achegarse en horario de 9:30 a 13:30 horas o xoves e o venres ao Concello e o luns e o martes no andar baixo da Casa de Pedra co impreso de inscrición totalmente cuberto e asinado, xunto co resto da documentación requirida.
Medidas do protocolo

O protocolo inclúe especificacións para a entrada e saída nas actividades, a adaptación das actividades, as medidas de control e prevención da transmisión, as medidas persoais de hixiene, os desprazamentos á
actividade e unha serie de recomendacións para os asistentes. Estas normas son de obrigado cumprimento por parte dos organizadores e das persoas participantes e familias.
Por exemplo, no caso das entradas e saídas haberá que levar posta a máscara e os monitores indicarán a obriga de pasar pola zona de desinfección e de medición da temperatura. Neste espazo hixienizaranse as mans e o calzado.
No desenvolvemento das actividades evitaranse aquelas que impliquen contacto físico constante e utilizaranse máscaras sempre que non se poida manter a distancia social. Non haberá viaxes e excursións que impliquen desprazamentos en autobús.
Nos obradoiros, os espazos pechados estarán reorganizados de tal forma que se asegure o correcto cumprimentos das medidas de distanciamento social. Poderase levar unha merenda a cargo do participante pero estará prohibido compartila e tampouco están permitidas as visitas de familiares.
Ademais, todas as persoas con síntomas (tose, febre ou dificultade respiratoria) deberán ser inmediatamente identificados e notificados ás súas familias.
A alcaldesa, Sandra Insua, explicou que “os técnicos traballaron a reo para elaborar un protocolo de seguridade o máis completo posible e permitir que os pais e nais poidan contar no verán cunha opción de conciliación da vida familiar e laboral”.